RIBADUMIA> Alumnado do colexio Julia Becerra Malvar, de Ribadumia, impulsa unha campaña solidaria sobre a enfermidade de Dent. A rapazada de 3º da ESO puxo en marcha un proxecto de recollida de tapóns para recadar fondos para esta doenza. Pero a iniciativa vai máis alá, incluíndo a creación dun cartel publicitario ou mesmo dando unha rolda de prensa para difundir entre a veciñanza a súa campaña.
A rapazada de Ribadumia demostrou hoxe que hai canteira. O alumnado de 3º da ESO puxo en marcha un proxecto solidario sobre a enfermidade de Dent. Unha iniciativa que vai moito máis alá, incluíndo o deseño dun cartel ou a súa difusión entre a veciñanza. Para iso, esta mañá convocáronnos a unha rolda de prensa para explicarnos o seu proxecto.
Das propostas presentadas, este foi o proxecto gañador. Na parte solidario puxeron o foco na enfermidade de Dent, unha das consideradas doenzas raras.
Así que fan un chamamento á veciñanza a xuntar tapóns solidarios para que se investigue máis esta enfermidade. Van colaborar co colectivo Asdent.
Pero para chegar aínda máis alá, decidiron petar na porta do Concello de Ribadumia, que colaborará co proxecto despregando unha rede de caixas solidarias como esta.
O alcalde reiterou hoxe ese apoio e felicitounas polo seu traballo.
Detrás de todo isto está a mestra de Lingua Castelá, que salienta o bo traballo que fixo a rapazada.
E agarda darlle continuidade a esta boa inicitiva nos vindeiros cursos. Nesta primeira edición participaron os 40 alumnos de 3º da ESO que, divididos por grupos de cinco, elaboraron cada un o seu proxecto.











