300 persoas xa empregaron o autobús gratuíto do Conecta Rural nos seus primeiros quince días

PONTEVEDRA> 300 persoas xa utilizaron o transporte gratuíto da Liña Conecta Rural nos seus primeiros quince días de funcionamento. Hoxe o propio presidente da Deputación de Pontevedra comprobou a aceptación desta liña, viaxando no autobús dende Portas ata a capital pontevedresa. Luis López destacou a importancia da iniciativa, que facilita aos veciños de Moraña, Portas e O Campo Lameiro o acceso a servizos como o Hospital Montecelo ou o campus universitario.

Hai quince días que entrou en funcionamento o transporte público da Liña Conecta Rural. Un autobús gratuíto que une os concellos de Moraña, Portas e O Campo Lameiro con Pontevedra.

Neste tempo, ao redor de 300 persoas utilizaron este servizo; 150 usuarios en cada unha das liñas activas. Hoxe o presidente da Deputación de Pontevedra comprobou o funcionamento deste transporte, facendo o percorrido dende Portas á capital. Tempo que aproveitou para falar cos veciños.

López recordou que este proxecto conta cunha subvención de medio millón de euros e que foi recoñecido entre os cen mellores de España no eido de innovación territorial.

Dende a Deputación están moi satisfeitos coa acollida do servizo, que como experiencia pioneira permanecerá vixente ata o primeiro semestre de 2027. Aínda que non desbotan prolongar o seu funcionamento.

Este autobús gratuíto de Liña Conecta Rural está operativo de luns a venres, con oito servizos diarios dende Portas e seis dende Moraña e O Campo Lameiro. Os detalles poden consultarse na web bus.gal.