RIBADUMIA> Ribadumia prepárase para a LIII Festa do Tinto do Salnés. A cita será do catro ao sete de xuño co viño e a gastronomía como principais ingredientes, pero cunha gran programación paralela, con multitude de propostas musicais. A destacar, a visita dos Festicultores, un concerto de Antonio Barros coa Agrupación Musical de Ribadumia ou algunhas das principais orquestras do país. O vindeiros días 8 e 9 de maio recolleranse os viños que se presentarán a concurso. O ano pasado rexistráronse máis dun cento de aspirantes.
Conta atrás para a Festa do Viño Tinto do Salnés e exaltación das variedades autóctonas en Ribadumia.
O Tinto celebrarase do catro ao sete de xuño. Na parte festiva, Leti da Taberna como pregoeira e actuacións musicais destacadas, cos Festicultores, A Mecánica, Antonio Barros coa Agrupación Musical de Ribadumia e grandes orquestras, como Olympus, América de Vigo, Capitol ou Panorama. Ingredientes que complementan a exaltación dos viños e que supoñen un gran reclamo para os visitantes.
E coa vista posta nos días grandes, o 8 e 9 recolleranse os viños que irán ás precatas do concurso, ao que o ano pasado se presentaron máis dun cento. Deles, 12 irán á cata final dos que sairán os seis premiados.
Para o xantar agárdanse uns 900 comensais. Todo un reto organizativo para o concello, xunto co resto de actos masivos que se agardan durante a Festa. Por iso, estase a traballar nun novo plan de seguridade.
A festa do Tinto conta co apoio da Deputación e da Xunta.
Ambas administracións, ao igual que o alcalde amosáronse optimistas nos avances que se están a dar no proceso de legalización do tinto do Salnés. David Castro apuntou non se tardará moito en ter novidades neste asunto.











