Rueda anuncia en Vilagarcía que Galicia terá o curso que vén a oferta de FP máis ampla da historia

VILAGARCÍA> Hoxe arrancou en Vilagarcía o Congreso de Mobilidade Sustentable e Medios de Transporte, organizado polo IES Vilalonga e o CIFP de Fontecarmoa. O evento, que reúne a empresas e a formación profesional da automoción, foi inaugurado esta mañá polo presidente da Xunta. Alfonso Rueda aproveitou para anunciar que Galicia terá o próximo curso a oferta de FP máis alta da súa historia. Serán 24 as titulacións de alta especialización que se ofertarán en Galicia, trece delas de nova implantación.

A primeira edición do Congreso de Mobilidade Sustentable e Medios de Transporte – FP Galega botou a andar este xoves no auditorio de Vilagarcía. Está organizado polo IES Vilalonga e o CIFP de Fontecarmoa. O evento é un punto de encontro entre estudantado e profesorado de FP e empresas do sector da automoción.

Esta mañá era o presidente da Xunta, acompañado polo alcalde de Vilagarcía, o encargado de inaugurar a cita. Alfonso Rueda aproveitou para lanzar un importante anuncio que afecta á formación profesional: o vindeiro curso Galicia terá a oferta de FP máis alta da súa historia.

Este incremento baséase no reforzo dos títulos de alta especialización, que permiten ao alumnado combinar cursos ou materias de ciclos ou graos distintos para conseguír perfís concretos ou moi especializados.

Deste xeito, o próximo curso serán 24 as titulacións de alta especialización que se ofertarán en Galicia, trece delas de nova implantación.

Declaracións de Rueda na que foi a primeira xornada deste Congreso de Mobilidade Sustentable e Medios de Transporte. O evento continuará ao longo deste venres con novas conferencias e e tamén diferentes actos paralelos na zona exterior do recinto.