RIBADUMIA> En Ribadumia xa está en marcha o mes da diversidade. A Asociación Gotas deseñou para este mes de xuño unha completa programación coa que reivindican respecto e tolerancia para o colectivo LGTBIQ+. As actividades arrancan este domingo, cunha andaina de convivencia polo río Umia. Por diante propostas culturais e educativas que terán como prato forte a Ruada das Gotas o próximo sábado 15, cun xantar diverso e actuacións musicais para tódolos gustos, con Alana, El Nido, Mondra e Señora DJ como principais reclamos.
A bandeira da diversidade xa ondea na Casa do Concello de Ribadumia. O municipio énchese de cores durante este mes de xuño para reivindicar respecto e tolerancia para o colectivo LGTBIQ+. Un mes que, de novo, a Asociación Gotas volve ateigar de propostas lúdicas e culturais.
A programación arranca este vindeiro domingo cunha andaina de convivencia polo río Umia. Na parte máis divulgativa, atopamos unha charla sobre os recursos cos que conta o CIM para atención ao colectivo ou un coloquio sobre delitos de odio contra as persoas LGTBIQ+ a cargo da Garda Civil. No eido cultural, un recital de poesía, da man de Samuel Merino e Fernán Permuy. E na parte educativa, unha estreita colaboración cos colexios da vila, co apoio do CRA e tamén do Julia Becerra Malvar. Neste centro serán os propios membros de Gotas os que impartan un taller de educación en diversidade.
Gotas quere contar tamén coa rapazada na fin de semana grande deste mes da diversidade. O sábado 15 a Ruada das Gotas, que botará a andar cun pasarrúas no que os nenos e nenas tamén poden participar.
Dentro desa xornada grande, mención aparte merece o xantar diverso, que inclúe tamén opción vegana.
E a partir de aí, festa para todos, todas e todes, coas actuacións pola tarde de Boudebou, animación infantil das Titiriteiras e o Mamarrashow coa drag Kim Miller. Á noite, máis música con Alana, El Nido, Mondra e fin de festa con Señora DJ.
Todas estas actividades contan co apoio do concello de Ribadumia. O alcalde salienta que cada ano Gotas supérase facendo unha proposta aínda mellor que a anterior.
Todas as propostas son de balde e de acceso libre, agás o xantar para o que hai que facer inscrición previa no 644210024.