As confrarías do Barbanza perciben máis de 150 mil euros en axudas da Deputación

BARBANZA> A Deputación da Coruña vén de conceder axudas por valor de 650 mil euros ás confrarías da provincia. O importe total das subvencións incrementouse nun 30 por cento con respecto ó pasado ano.

O Boletín Oficial da Provincia vén de publicar a resolución da convocatoria da axudas que concede a Deputación da Coruña a confrarías e agrupacións pesqueiras para  fomento da súa actividade e a promoción dos seus produtos.En total, concedéronse subvencións por valor de 650 mil euros, un 30 por cento máis que no pasado ano, cando se destinou medio millón de euros a esta liña de axudas.

O obxectivo é apoiar o funcionamento e a contratación de servizos por parte dos pósitos así como as festas de exaltación de produtos pesqueiros de proximidade, tal e como viña demandando o sector. As axudas oscilan entre os 5100  os 25 mil euros que poden ser destinadas á contratación de persoal, adquisición de sementes, aluguer de maquinaria ou equipamentos ou contratación de servizos externos como vixilancia.

Na comarca do Barbanza, as axudas concedidas ás distintas confrarías superan os 150 mil euros. Van dende os preto de 14 mil concedidos á confraría de Aguiño ata os 20 mil que recibirán pósitos como o da Pobra, Ribeira, Muros ou Noia.