A declaración de herdeiros de Castelao xa se conserva no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra

PONTEVEDRA> O Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra sumou hoxe un novo documento moi especial aos seus fondos. Trátase da declaración de herdeiros de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. O expediente foi localizado de casualidade en agosto no Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Pontevedra. Agora entrégase ao arquivo provincial, destacando o seu interese histórico, social e cultural. Un achado que se produce ademais neste Ano Castelao, cando se conmemoran os 75 anos do seu pasamento.

Este documento de sete folios datado no ano 1972, que resolve que as herdeiras de Castelao son as súas irmás, Joaquina e Teresa, xa está en mans do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra.

Hoxe celebrouse o acto de entrega ao arquivo deste expediente. Foi localizado en agosto polo funcionario Pablo López, durante o proceso de reordenación de fondos antigos do Arquivo Xudicial de Xestión do Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Pontevedra.

Ao tomar conciencia do achado, o xulgado decidiu a transferencia do documento ao arquivo, atendendo o seu interese histórico, social e cultural.

Unha copia desta declaración de herdeiros pasará tamén a mans do Museo de Pontevedra, entidade fondamente ligada a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e depositaria do seu legado. Estreitando aínda máis a relación do artista e político galeguista coa cidade pontevedresa.

Castelao chegou a Pontevedra en 1916, destinado ao Corpo Auxiliar de Estatística. Aquí viviu coa súa muller, Virxinia Pereira, ata o seu exilio no ano 1936. Faleceu en Bos Aires o 7 de xaneiro de 1950 sen deixar testamento.