‘Compracer nunca, con pracer sempre’: a nova campaña da Deputación contra as agresións sexuais

PONTEVEDRA> ‘Compracer nunca, con pracer sempre’ é a nova campaña posta en marcha pola Deputación de Pontevedra contra as agresións sexuais. A iniciativa estará presente durante o verán en todos os festivais englobados baixo a marca Rías Baixas Fest.

A campaña comezará esta fin de semana no PortAmérica. Co lema ‘Compracer nunca, con pracer sempre’, o obxectivo é tamén visibilizar unha forma de violencia pouco atendida e moi normalizada: as violacións en citas, é dicir, aquelas perpetradas por coñecidos da moza agredida, e as agresións por submisión química.

A campaña tamén busca dirixirse aos mozos con outra mensaxe: “Non a Líes. Alíate”, para implicalos no rexeitamento desta problemática social, e transmitirlles a necesidade de posicionarse claramente fronte a ela.

Como parte da campaña, instalaranse os coñecidos como “Puntos violetas”, unha carpa atendida por un equipo de profesionais expertas en igualdade.

Tralo seu paso polos Rías Baixas Fest, a Deputación porá a campaña a disposición dos 61 concellos da provincia, así como dos centros educativos e entidades que queiran implicarse na loita contra esta problemática.