A curva de Cabanelas, un punto negro da rede viairia que suma xa máis dunha trintena de accidentes

RIBADUMIA>Na zona de Cabanelas, no concello de Ribadumia, localízase un dos puntos negros da nosa rede viaria. Trátase dunha pronunciada curva onde as saídas de vía son constantes. Moitos dos vehículos sinistrados acaban esnafrándose contra o muro dunha casa próximo. Os seus donos xa están afeitos a levar sustos, pero piden que se tomen medidas para evitar os sinistros e evitar posibles vítimas. O último accidente tivo lugar hai tan só uns días.

Esta imaxe é xa habitual nesta curva da zona de Cabanelas, no Concello de Ribadumia. O muro desta casa volve desfacerse unha e outra vez por mor dos accidentes. Neste punto son frecuentes as saídas de vía, por culpa desta curva pronunciada, o pavimento esvaradío e os excesos de velocidade. Os donos desta vivenda din estar afeitos aos sustos.

Os veciños da zona aínda teñen o susto no corpo do último sinistro. Aconteceu hai tan só uns días. Neste caso, o vehículo foi chocar contra un dos farois do alumeado público.

Os efectivos de Protección Civil están máis que afeitos a ter que achegarse ata aquí por culpa dos accidentes. Explican que o máis habitual é que se produzan en días de chuvia e falan de, polo menos, unha trintena de sinistros neste mesmo punto.

A zona está delimitada a 40 quilómetro por hora. Tanto dende Protección Civil como os veciños da zona cren que se deberían tomar medidas canto antes para evitar novos sustos.

Apuntan que de momento ningún sinistro rematou en traxedia e tocan madeira para que así siga sendo. Con todo, lembran que levan tempo denunciando a situación e que vale máis previr que logo ter que lamentar.