A Sin-Son 10K reunirá a máis de 2000 corredores na súa 14 edición

PORTO DO SON> Esta mañá presentábase oficialmente en Porto do Son a 14 edición da  Sin-Son 10K. A carreira, incluída no calendario oficial de probas da Federación Galega de Atletismo, terá lugar o domingo 21 de decembro. Na proba tomarán parte máis de dous mil atletas.

Todo listo en Porto do Son para acoller a cita deportiva máis destacada do ano no municipio. A carreira Sin-Son 10 K reunirá o 21 de decembro a máis de dous mil corredores. Como ven sendo habitual, as inscricións completáronse en tempo récord.

Entre os principais atractivos da proba destaca a presenza de atletas de primeiro nivel como Adrián Ben que repetirá como corredor convidado.

Para facer máis operativo o desenvolvemento da proba, a organización habilitou a recollida anticipada de dorsais que se poderá realizar entre o 9 e o 13 de decembro en varias cidades galegas. Tamén a xornada previa poderán retirarse na casa da cultura de Portosín e o mesmo día da proba dende as oito e media da mañá.

Dende o concello quixeron agradecer o apoio dos numerosos patrocinadores así como de Protección Civil, Policía Local, Garda Civil, Cruz Vermella e tódolos voluntarios que fan posible a organización desta carreira multitudinaria.