O IV Premio Cámara de Comercio- Ence á Innovación Forestal volve recoñecer as iniciativas empresariais e os traballos de investigación máis destacados

PONTEVEDRA> Onte entregouse en Pontevedra o cuarto Premio Cámara de Comercio- Ence á Innovación Forestal. Un galardón dirixido a recoñecer as iniciativas empresariais e os traballos de investigación máis destacados. Este ano, os premiados foron a compañía Wildfire Sentinel, que creou un nariz electrónico para detectar lumes forestais, e a investigadora da Universidade de Vigo Antía Iglesias.

A compañía mariñense Wildfire Sentinel fíxose co galardón á mellor iniciativa empresarial no marco dos Premios Cámara de Comercio-Ence á Innovación Forestal. A súa proposta convenceu ao xurado: un nariz electrónico capaz de detectar lumes forestais con intelixencia artificial.

A dotación económica do premio foi de 5.000 euros.

Na categoría de mellor traballo de investigación, a galardoada foi a investigadora da Universidade de Vigo Antía Iglesias. Foi recoñecida polo seu traballo ‘Ecosistemas gráficos: unha aproximación á potencialidade artística do residuo vexetal exótico-invasor’. Recibiu un galardón de 3.000 euros.

A desta edición foi a cuarta convocatoria dos premios, impulsados a través do Programa Marco de Responsabilidade social Corporativa de ENCE. O seu obxectivo é dar pulo a novas iniciativas no sector forestal que propoñan solucións e modelos de xestión, produtos e servizos que sexan sustentables.

Tamén se entregaron dous accésit. Na categoría empresarial, recaeu na plataforma Pico Sacro por deseñar un sistema para a estimación de datos forestais a partires de fontes de datos de libre acceso. Cecilia Alonso, do Campus Terra da Universidade de Santiago, recibiu o accésit pola súa tese na categoría de mellor traballo de investigación.