A solución ao problema do transporte no colexio de Rubiáns podería chegar coas novas concesións do servizo

VILAGARCÍA> Optimistas pero sen baixar a garda. Así saíron as representantes da ANPA do colexio de Rubiáns, en Vilagarcía, da reunión que esta mañá mantiveron en Pontevedra. Foron convocadas a un encontro coa xefa territorial de mobilidade da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deporte para tratar a súa demanda: un cambio no transporte escolar que permita mudar os horarios do centro. Segundo lles trasladaron, hai aberto un proceso para incorporar tres novos autobuses á área de Vilagarcía. Pero non lles concretaron se se empregarán para solucionar a problemática do colexio de Rubiáns.

As representantes da ANPA do colexio de Rubiáns, en Vilagarcía, saíron hoxe da reunión coa xefa territorial de mobilidade sen un compromiso concreto sobre as súas reclamacións: que o centro conte cun servizo de transporte escolar que se axuste ás súas necesidades reais.

Segundo explicaron, a licitación das novas concesións pechará o 30 de novembro. Despois, será a empresa adxudicataria do servizo quen defina os horarios e rutas.

Por iso a ANPA saíu da reunión con esperanzas pero sen certezas de que a problemática que o centro de Rubiáns arrastra dende hai anos vaia solucionarse. Segundo denuncian as familias, o horario actual non só dificulta a conciliación: tamén afecta á saúde dos cativos usuarios do comedor.

Calculan que a adxudicación do servizo de transporte escolar podería resolverse entre os meses de decembro e xaneiro. Polo de momento, dende a ANPA do colexio de Rubiáns non dan a batalla por gañada.