Tres detidos pola vaga de roubos no Grove

O GROVE>  Tres persoas detidas no Grove pola vaga de roubos dos últimos días na vila. Un deles foi pillado na allada mentres estaba roubando nunha vivenda na zona do Con. Trátase do mesmo individuo que días antes entrou na Taberna de Beli. A Garda Civil fixo nas últimas horas varios rexistros, que permitiron recuperar moitos dos obxectos roubados. As investigacións continúan abertas e non se descartan novas detencións.

O reforzo da seguridade no Grove por mor da vaga de roubos comeza a dar os seus froitos. Nas últimas horas a operación posta en marcha pola Garda Civil, co apoio da Policía Local, saldábase coa detención de tres persoas, con antecedentes policiais, como presuntos autores de supostos roubos con violencia e pertenza a grupo criminal. Hai tamén outras dúas persoas investigadas por receptación e cooperación.

O primeiro dos detidos é un veciño do Grove de 43 anos. Foi sorprendido na zona do Con despois de que un particular alertara da presenza dun intruso na súa vivenda. As cámaras de seguridade desa vivenda foron clave para identificalo, xa que levaba a mesma roupa que entrou na Taberna de Beli, tal como se recollen nas imaxes captadas.

Os axentes levaron a cabo varios rexistros nos que puideron recuperar numerosos obxectos roubados por este home. Seica tiña moitas pertenzas e que colaborou cos axentes á hora de desvelar a quen pertencía cada un deses obxectos roubados.

Ademais, puideron identificar aos demais compoñentes do grupo, procedendo á súa detención. Son outros dous veciños do municipio, de 55 e 43 anos. Un deles fora detido hai pouco como presunto autor dun delito continuado de roubo con violencia, polo roubo de bolsos a persoas de avanzada idade polo método do tirón.

A investigación continúa aberta e non se descartan máis detencións nos vindeiros días.