RIBADUMIA> A Festa da Ostra de Noalla non será a única proposta gastronómica da fin de semana. O día 10 Ribadumia celebrará a súa Festa do Pan con toda unha romaría na Carballeira. A cita celebrará a súa vixésimo primeira edición coa mente posta en conseguir para o vindeiro ano a consideración de interese turístico de Galicia.
Ribadumia presume de herdanza e tradición, dous elementos que están ben presentes na Festa do Pan. A cita será o día 10 de agosto na Carballeira e celebrarase unha auténtica romaría. A tarde comezará ás 5 coa recollida das receitas que participarán no concurso de postres e empanadas de millo. Haberá actividades e espectáculos para a cativada ata as 8 e media da tarde, cando está prevista a saída cara os Muíños do Batán. Aquí, como cada ano, realizarase unha recreación da moenda do millo para poñer en valor esta tradición.
Xa de volta na Carballeira, ás 10 está prevista a entrega de premios ás receitas gañadoras dos concursos. Ademais, comezará a degustación e a cea de confraternidade, cun menú a prezos populares.
Dende o concello destacan a aposta que realizan por este evento, que cada ano colle máis pulo. Non en van, na pasada edición pasaron pola Carballeira ao redor de 1.200 persoas. Agora o goberno local traballa arreo para que sexa recoñecida Festa de Interese Turístico de Galicia.
Castro insistiu na importancia de citas como a Festa do Pan para promover a imaxe de Ribadumia, poñendo en valor elementos como a Ruta da Pedra e da Auga ou a Variante Espiritual.