RIBADUMIA> O ensino será o eixo condutor da programación do 8M en Ribadumia. O concello deseñou unha programación arredor do Día da Muller que se vai prolongar durante un mes. Vai arrancar este mesmo venres cun encontro de mestras en activo e xubiladas para compartir as súas experiencias arredor da educación en igualdade antes e agora.
O 8M vivirase en Ribadumia durante máis dun mes. O concello pon en marcha a súa programación co gallo do Día da Muller poñendo o foco este ano no ensino. O acto central terá lugar o propio 8 de marzo, coa quinta Gala Homenaxe ás Mulleres de Ribadumia.
Un colectivo que ademais contará con outras actividades ao longo da programación. Arrancando xa este venres no auditorio cun gran encontro entre mestras do presente e do pasado. Baixo o título ‘Lembranzas das aulas’, organizarase un café-xuntanza para contrapoñer a igualdade na escola antes e agora.
O cartel complétase cunha charla sobre saúde mental e proxecto vital o día 13, un contacontos con Cris de Caldas o 26 e a visita de Tarabela Creativa o día 29 de marzo con ‘O que non estaba escrito’. O alcalde salienta ademais que o compromiso do concello vai máis ala deste mes, con políticas a prol da igualdade real ao longo de todo o ano.
Mostra dese compromiso, durante o mes de marzo o concello porá en marcha a primeira mesa de Coordinación Institucional fronte á violencia de xénero e o primeiro Plan de Igualdade de Relacións Laborais de Ribadumia.











