Ribeira facilitará a reciclaxe nas parroquias cun novo punto limpo móbil

RIBEIRA> Os cidadáns de Ribeira terán ocasión de mellorar as súas taxas de reciclaxe grazas ó novo punto móbil que vén de adquirir o concello. O vehículo percorrerá as parroquias para facilitar a recollida de residuos especiais como pilas, baterías, xoguetes ou aceites usados entre outros.

Ata dez tipos de residuos diferentes poderanse depositar no punto limpo móbil de Ribeira. Este camión guindastre cun módulo de recollida separativa percorrerá as parroquias de todo o municipio, cunha periodicidade semanal ou quincenal, para facilitar a reciclaxe a tódolos veciños independentemente de onde residan.

O punto móbil está dotado con dez contedores independentes para o depósito de tintas, aerosois, pequenos electrodomésticos, dispositivo electrónicos, xoguetes, lámpadas, envases contaminados, aceites usados, pequena chatarra, cargadores, pilas, batería e téxtil. Tamén prestará servizo auxiliar á brigada de obras.

A posta en marcha deste novo servizo supuxo un investimento de 108 mil euros financiados con cargo ós fondos europeos NextGeneration.