A recuperación dos antigos atraques inicia a recuperación do bordo litoral de Boa

PORTO DO SON> O director da Axencia de Turismo de Galicia desprazouse ata Porto do Son para coñecer o proxecto de recuperación de atraques no litoral de Boa. A actuación, que conta cunha subvención para o embelecemento do litoral, enmárcase nun ambicioso proxecto para a recuperación desta zona costeira coa dotación dunha pasarela voadiza e a creación dunhas pozas naturais.

O proxecto de recuperación do bordo litoral de Boa coa posta en valor dos antigos amarres das fábricas de salgadura como máximo exponente do patrimonio histórico e industrial do municipio de Porto do Son suporá un investimento próximo ós 90 mil euros que contan cunha subvención do Plan de Embelecemento do Litoral da Xunta.

Esta actuación supón a primeira fase dun amplo proxecto de rexeneración de toda a zona, eliminando o recheo portuario actualmente en desuso para crear unha zona de pozas naturais conecta co resto da senda litoral a través dunha pasarela voadiza. Este proxecto superaría os dous millóns de investimento polo que o concello traballa xa na busca de financiamento por parte doutras administracións.