RIANXO> Rianxo segue inmersa nas Festas da Guadalupe. Hoxe os actos centrábanse na praza de Castelao onde se desenvolveron os xogos das Juadalupeñas. Aínda que o día grande foi onte domingo, cando a Moreniña percorreu a ría na tradicional procesión marítima.
A coincidencia das datas festivas non restou en absoluto asistentes á Guadalupe que un ano máis quixeron render homenaxe á Moreniña. O Campo de Arriba quedou pequeno para acoller ós devotos que asistiron á misa solemne. Unha vez rematada acompañaron á Virxe ata o porto onde embarcou para realizar a tradicional procesión marítima arroupada por unha trintena de barcos. Especialmente emotiva foi a parada ante a imaxe da Virxe situada en Tanxil onde os asistentes entoaron a rianxeira.
Hoxe luns foron as Juadalupeñas as encargadas de organizar a xornada festiva cos xogos que se desenvolveron na praza de Castelao. Os mozos mediron as súas forzas en distintas probas para ver quen se facía coa medalla destas orixinais olimpíadas. Despois disto terán que repoñer forzas posto que os rianxeiros teñen aínda por diante catro días de festa ata o venres cando a tradicional cantata da rianxeira pechará as celebracións ata o próximo ano.











