RIBEIRA> Inaugurado o centro de tecnificación de deportes de contacto e o módulo cuberto de atletismo da Fieteira. Os deportistas olímpicos Álex Vidal e Ana Peleteiro percorreron as instalacións xunto con responsables da Xunta e do concello de Ribeira, administracións que financiaron a construción do novo equipamento.
Gran expectación no acto de inauguración do novo módulo cuberto de atletismo da Fieteira que contou con Ana Peleteiro como madriña de excepción. A atleta tivo ocasión de coñecer as instalacións nas que adestrará a partir de agora trala súa volta a casa para preparar o ciclo olímpico.
Ademais do módulo de atletismo as instalacións acollen tamén o centro de tecnificación de deportes de contacto. O taekwondista paraolímpico, Álex Vidal, destacou a importancia de contar con estas instalacións para que o Club Natural Sport siga a colleitar tan bos resultados.
Coa posta en marcha destas instalacións, Ribeira convértese nun referente deportivo á altura de grandes cidades. Supuxeron un investimento próximo ós tres millóns de euros cofinanciados pola Xunta e o concello de Ribeira.
O alcalde aproveitou a presenza do vicepresidente da Xunta para pedir tamén a mellora da pista exterior de atletismo dando así continuidade ó proxecto.