RIBEIRA> O concello de Ribeira anima á mocidade a participar no Concurso de Debuxo Tintubro. Baseado no reto viral do Inktober consiste na realización de 31 ilustracións, unha por cada día de outubro, baseadas nunha serie de palabras.
31 ilustracións, unha por cada día do mes de outubro. Este é o reto proposto polo concello de Ribeira á mocidade a través do Concurso de Debuxo Tintubro. As creacións deberán estar inspiradas nunha listaxe de palabras que xa foi publicada nas redes sociais do concello de Ribeira.
Todos aqueles que consigan completar o reto entrarán no sorteo de tres vales de compra por valor de 75 euros.
O concurso vai dirixido a mozos de 14 a 30 anos que deberán publicar cada unha das imaxes nas súas redes etiquetando ó concello e cos cancelos #tintubroderibeira e #xuventudederibeira.