A campaña de doazón de voz ‘Nós’ recala este xoves en Ribeira

RIBEIRA> A campaña de doazón de voz ‘Nós’ recala este xoves en Ribeira. Os interesados en participar tan só deben dispoñer de 15 minutos para facer a súa achega rexistrando as súas verbas nunha base de datos. O obxectivo é incorporar as distintas variedades dialectais e fonéticas do galego ós sistemas de intelixencia artificial.

Calquera ribeirense que o desexe pode participar na campaña de doazón de voz impulsada pola Xunta en colaboración coa Universidade de Santiago. Tan só ten que achegarse este xoves ata a aula CEMIT de Ribeira e facer varias gravacións de voz.

O obxectivo é crear unha base de datos o máis variada posible do galego para que as ferramentas tecnolóxicas recoñezan e incorporen os distintos acentos e variedades dialectais.

Os participantes recibirán un caderno e un libro como agasallo. Aqueles que non poidan colaborar de xeito presencial teñen a posibilidade de facelo a través da web doagalego.nos.gal.