Fronte común de Barbanza Arousa contra Altri

BOIRO> Os catro alcaldes da Mancomunidade Barbanza Arousa fan fronte común ante Altri. Rexeitan o proxecto da macrocelulosa polo grave impacto ambiental na comarca así como as consecuencias sobre o subministro de auga en tódolos concellos que dependen do Ulla.

Aínda que xa fixeran público o seu posicionamento, os alcaldes da Mancomunidade Barbanza Arousa volveron expresar o seu rexeitamento unánime ó proxecto da planta de celulosa de Altri trala declaración de impacto ambiental positiva. Son moitos os motivos que sustentan esta frontal oposición, especialmente os problemas de contaminación que a planta pode ocasionar na ría de Arousa da que dependen máis de 15 mil empregos directos e 50 mil indirectos.

A gran demanda de auga é outro dos factores determinantes posto que a factoría captaría 46 millóns de litros diarios, comprometendo seriamente o subministro de auga no só dos concellos do Barbanza senón de todos os que dependen do Ulla.

Os alcaldes fan un chamamento á cidadanía para secundar a mobilización do sábado na Pobra co fin de facer visible o rexeitamento social a este proxecto no que Galicia, din, se xoga o seu futuro.