O PSdeG reclama á Xunta que inclúa a dragaxe do Lérez nos orzamentos para o 2025

PONTEVEDRA> O PSdeG reclama en Pontevedra que a Xunta execute a comprometida dragaxe do río Lérez. Nunha visita á cidade, José Ramón Gómez Besteiro asegurou que vixiará dende o Parlamento o cumprimento do que cualificou como unha débeda histórica con Pontevedra. O secretario xeral dos socialistas galegos apuntou que a actuación desapareceu dos orzamentos autonómicos dende o 2022, e reclamou que se inclúa unha partida nas contas do 2025.

Dende o ano 2022, non aparece ningunha partida nos orzamentos da Xunta para executar a dragaxe do río Lérez. Algo que dende o Partido Socialista queren mudar. Hoxe dende Pontevedra José Ramón Gómez Besteiro reclamou ao goberno autonómico que cumpra este compromiso histórico coa cidade.

Os socialistas demandan que nos orzamentos do 2025 si se contemple unha partida para esta actuación. E sinalan que Pontevedra está a perder oportunidades económicas por non ter a dragaxe feita.

Para Gómez Besteiro, a dragaxe do Lérez é só un exemplo das promesas incumpridas da Xunta por toda Galicia. Idea na que afondou o voceiro do grupo municipal, Iván Puentes.

Pola contra, puxeron sobre a mesa as actuacións que está a realizar na cidade o Goberno do Estado. A depuradora da parte norte da ría, o nó de Bombeiros, a A-57 ou o Arquivo Provincial, son algúns destes investimentos destacados polos socialistas.