NOIA> A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto co alcalde, Santiago Freire e varios membros do seu equipo de goberno, visitaban a explanada portuaria da localidade onde se acometerá a súa humanización.
O alcalde agradeceu o investimento, que virá a dar resposta a unha actuación moi demandada.
Non será a única actuación prevista no municipio en materia portuaria. O outro compromiso anunciado nos orzamentos da Xunta para o ano que vén será a dragaxe do porto Testal por un importe duns 145 mil euros.
Durante a visita a Noia, a delegada da Xunta fixo referencia tamén a outros investimentos na comarca dentro do orzamento de Portos de Galicia que ascenden a máis de 7,8 millóns de euros.
Entre os proxectos a levar a cabo figuran a nova nave de redes e o departamento para usuarios de Porto do Son, a mellora da zona de abrigo e atraques en Portosín, a reconstrución do peirao interior e a mellora da rampla de Esteiro ou a mellora da operatividade no porto de Aguiño.











