O BNG de Boiro critica a falla de previsión do goberno ante os problemas no abastecemento da auga

BOIRO> O BNG de Boiro critica a falla de previsión do goberno ante os problemas de abastecemento de auga. Os nacionalistas consideran que as medidas restritivas chegan tarde, cando xa están producindo cortes e perdas de presión no subministro.

Hai dúas semanas, o concello de Boiro emitía un bando aconsellando un consumo responsable da auga e anunciando restricións nos regos, baldeos e mesmo nas duchas da praia. Unhas medidas que, segundo o BNG, chegan tarde por mor da falla de previsión do executivo ante un problema que se repite cada verán.

No pleno de xuño, o BNG insistía, a través dun rogo, na necesidade de garantir o subministro durante todo o verán, cando Boiro rexistra un notable incremento de poboación.

Os nacionalistas critican que se adopten decisións drásticas unha vez comezan as críticas, en lugar de ter deseñado un plan de acción para garantir un servizo tan básico como o abastecemento da auga.