RIBEIRA> Como cada xoves os ribeirenses volveron concentrarse ás portas do centro de saúde pola cobertura do cen por cento das prazas médicas. Dende a Plataforma pola Sanidade Pública lembran que hai preto de tres mil pacientes sen un facultativo asignado cos consecuentes prexuízos na calidade asistencial.
Aínda que experimentou unha leve mellora tralo verán, a situación do cadro de persoal do centro de saúde de Ribeira segue baixo mínimos. Como consecuencia, preto de tres mil pacientes continúan sen médico de cabeceira e son o resto dos facultativos os que deben repartirse este cupo coa consecuente carga asistencial para o servizo e os profesionais.
No día de hoxe, o centro contaba con oito profesionais de mañá e tres de tarde, un cadro a todas luces insuficiente para dar cobertura ó elevado número de pacientes polo que deben limitar o tempo de atención en cada consulta.
As mobilizacións continuarán mañá coa concentración prevista para mediodía no centro de saúde da Pobra onde falta unha praza por cubrir e seguen sen servizo de urxencias en quenda de tarde.











