BOIRO> A Asociación Cultural e de Tradicións Mariñeiras A Gamela reclama a reapertura do Centro Social de Cabo de Cruz. Mediante unha moción presentada a pleno piden ó concello de Boiro que acondicione as instalación e dote ó centro do persoal necesario para un funcionamento axeitado.
Ata hai algo máis dun ano, o centro social de Cabo de Cruz contaba con persoal técnico e viña acollendo diversas actividades, principalmente promovidas polo tecido asociativo da parroquia.
Dende entón, din, o centro permanece pechado e as instalacións non fan máis que deteriorarse ante a falla de mantemento.
Por esta razón, a asociación cultural A Gamela presentou unha moción ó pleno de Boiro demandado a reapertura do centro despois de que se acometan as pertinentes melloras nas instalacións. Ademais dos arranxos tanto no interior como no exterior do inmoble, dende a entidade demandan a dotación de persoal para poder desenvolver actividades de carácter sociocultural.
Dende o concello indicaron que o inmoble está ó servizo dos veciños que soliciten o seu uso pero non conta cun técnico a tempo completo nas instalacións.