O Consello da Xunta aproba a licitación do desdobramento do corredor Brión-Noia

NOIA> O Casino de Noia acollía esta mañá a reunión do Consello da Xunta, a primeira das que o goberno prevé celebrar en distintas vilas de toda Galicia. Na xuntanza, acordouse licitar a primeira fase do desdobramento do corredor Brión-Noia en autovía así como o proxecto de construción do futuro centro de saúde da localidade.

O Consello da Xunta acordaba esta mañá na súa reunión celebrada en Noia a licitación de varios proxectos de gran envergadura para a vila. O máis importante, a primeira fase do desdobramento do corredor Brión Noia en autovía que suporá un investimento de 29 millóns d euros.

Outros dos proxecto que sairá a licitación, por valor de dez millóns, é o futuro centro de saúde de Noia que contará con máis de 20 consultas e incorporará novos servizos.

O presidente anunciou tamén outros investimentos previstos na comarca como as obras de mellora do peirao de Portosín. O proxecto, valorado en preto de dous millóns e medio de euros, contempla a creación dun pantalán con 17 prazas de amarre e un dique de abrigo.