‘Tribu’, de Carlos Gómez-Trigo, gaña a XXV Mostra de Curtas Vila de Noia

NOIA> Noia pechou con éxito a 25 edición da súa Mostra de Curtas. Este sábado, o Coliseo Noela acolleu a gala final coa entrega de premios. Tribu, de Carlos Gómez-Trigo, fíxose co galardón á mellor produción mentres que o premio honorífico recaeu na actriz Marisa Paredes.

A gala de entrega de premios celebrada este fin de semana no Coliseo Noela clausurou a Mostra de Curtas Vila de Noia que nesta 25 edición volveu confirmarse como festival de referencia a nivel nacional. Tribu, de Carlos Gómez Trigo, fíxose co premio outorgado polo xurado á mellor curta, coincidindo co Blog de Cine Español. O premio de mellor curta a nivel nacional foi para Lava da directora Carmen Jiménez.

No apartado de interpretación, o xurado decidiu conceder dous premios femininos para as actrices de La mort: Luisa Gavassa e Pepa Aniorte mentres que o de mellor actor foi para Salva Reina por ‘Pequeño’.

O premio Galicia Amateur que leva o nome de Pedro Brandariz recaeu sobre o filme Alexandra de Marcos Besteiro mentres que o público decidiu outorgar o seu galardón a  Luso Martínez por ‘Céntrico’.

 Na categoría de animación o xurado acordou tamén distinguir dúas producións: Pietra de Cybthia Levitan e a curta portuguesa ‘A rapariga de olhos grandes e o rapaz de pernas compridas’ de María Hespanhol.

O premio honorífico desta 25 edición da Mostra foi para Marisa Paredes. A pesar de que a actriz non puido asistir á gala por motivos de saúde, agradeceu nun video a concesión do galardón.