RIBEIRA> A Policía Nacional desaloxou o edificio ‘okupa’ das Abesadas en Ribeira. O operativo que contou cun amplo despregamento das forzas de seguridade desenvolveuse sen incidencia. Os catro inquilinos que permanecían aínda no interior, abandonaron o inmoble de xeito voluntario.
Dende primeira hora da mañá, os veciños da rúa Xosé Ramón Barreiro de Ribeira, asistiron con expectación ó desembarco de numerosos efectivos policiais para proceder ó desaloxo do bloque de vivendas que dende hai cinco anos permanecía ocupado.
Malia que o amplo despregamento de seguridade facía pensar nun desaloxo conflitivo, o certo é que se desenvolveu con total normalidade. Das preto de vinte persoas que adoitaban residir no inmoble, tan só permanecían no interior catro que abandonaron voluntariamente o edificio tras ser requiridos pola policía.
A maior parte dos inquilinos xa foron desocupando as vivendas os días previos á data límite fixada polo xulgado. Un deles mesmo solicitou axuda ó concello e xa foi realoxado.
Ademais de veciños e algún curioso tamén seguiron con gran atención o operativo os propietarios dos negocios desta rúa que levaban cinco anos facendo fronte a situacións moi conflitivas.
Tralo desaloxo procederase á limpeza do inmoble, que se atopa en moi malas condicións, e ó seu tapiado para evitar futuras ocupacións.