CAMBADOS> Case unha vintena de alumnos aprenden a manexar minipás e retroexcavadoras grazas ao programa integrado de emprego da Mancomunidade do Salnés. Ademais de formación en carretilla frontal, no programa tamén se inclúe o manexo da retráctil. Neste curso salienta tamén o incremento da presenza feminina, que acada xa o 33%.
19 candidatos e candidatas fórmanse xa no manexo de minipás e retroexcavadoras grazas á Mancomunidade do Salnés. Un curso que forma parte do plan integrado de emprego do organismo comarcal, que ten unha duración total de 30 horas. Aínda que o máis habitual neste tipo de accións é o manexo da carretilla frontal, neste caso tamén se incluíu a retráctil-lateral, cunha demanda en aumento.
A pesar de ser un sector tradicionalmente masculinizado, nesta acción formativa a presenza de mulleres aumenta ano tras ano. Sitúase xa no 33%.
Este curso forma parte da décimo terceira edición do programa integrado de emprego do organismo comarcal.
As accións formativas da Mancomunidade non se deteñen. O mes que vén, por exemplo, arrancará o curso de manexo de drons.











