Meis cede unha oficina do consultorio de Paradela a AMICOS para o seu servizo de emprego

MEIS> AMICOS terá un punto de atención sociolaboral no concello de Meis. A asociación firmou un convenio co concello polo cal o goberno local cédelles un espazo no antigo consultorio médico de Paradela. Dende alí, un orientador de AMICOS encargarase de prestar os seus servizos a persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social de Meis e da súa contorna. Actualmente no Salnés ao redor de 200 persoas forman parte do proxecto de emprego da asociación.

O antigo consultorio médico de Paradela, no concello de Meis, terá unha nova vida. O goberno local vén de asinar un convenio coa asociación AMICOS para cederlle un despacho nas instalacións e instalar un punto de atención sociolaboral.

Dende este punto, Rubén, orientador da asociación, será o encargado de atender ás persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social de Meis e da súa contorna que precisen deste servizo.

Actualmente, no Salnés hai ao redor de 200 persoas que forman parte do proxecto de emprego de AMICOS. O colectivo fai agora un chamamento á colaboración das empresas.

Ademais de AMICOS, o concello recorda que ten en marcha outro convenio coa asociación Acción contra el Hambre que tamén prestará os seus servizos dende o consultorio.

Dende AMICOS explican que este despacho en Meis se suma a outros que xa teñen en Pontevedra, Vigo, Vilagarcía, Barbanza, Silleda, Lalín e A Coruña. O servizo xa está operativo, aínda que teñen pendente fixar os días e o horario de atención ao público.