Bota a andar o Labmar II cunha xornada ambiental para escolares en Ribeira

RIBEIRA> A asociación AMICOS inaugurou a segunda edición do proxecto LabMar cunha xornada mediomabiental na lonxa de Ribeira. Na iniciativa participaron escolares do CEIP O Grupo de Ribeira que aprenderon dun xeito lúdico a previr a contaminación e reciclar o lixo mariño.

A lonxa de Ribeira foi escenario esta mañá da primeira xornada do Programa Labmar, unha iniciativa conxunta entre FUNDAMAR, AMICOS e a Federación Nacional de Confrarías de Pescadores. Trátase xa da segunda fase desta iniciativa enfocada na prevención da contaminación e a valorización dos residuos mariños.

Na xornada inaugural participaron uns 70 escolares de infantil e primaria do CEIP O Grupo que tiveron ocasión de achegarse, a través de distintos xogos de educación ambiental, a materias como a clasificación dos residuos, a circulación oceánica dos lixos mariños ou a arte con reciclaxe.

Esta segunda edición dá continuidade ó proxecto desenvolvido o pasado ano en Galicia e Andalucía incorporando este ano á Comunidade Valenciana e Asturias  co obxectivo de ampliar o seu impacto territorial e reforzar o traballo colaborativo entre entidades sociais, comunidade escolar, sector pesqueiro e tecido socioeconómico local.