A confraría de Vilanova estuda ‘medidas drásticas’ para facerlle fronte á crise do sector marisqueiro

VILANOVA> A confraría de Vilanova estuda tomar ‘medidas drásticas’ para facerlle fronte á crise que atravesa o sector marisqueiro. O pósito estuda aplicar de novo un ERTE, logo de pechar un ano 2024 especialmente malo. Aseguran que facturaron tan só o 25% do 2023, que xa fora un ano malo. Á vista destes resultados, din afrontar con moito pesimismo este 2025.

A confraría de Vilanova, como outros pósitos da Ría de Arousa, deixa atrás un ano 2024 especialmente malo. A escaseza de recurso da que viñan alertando nos últimos meses tradúcese ao peche do exercicio nun desplome da facturación. Quedou nos 650.000 euros.

Unha situación que xa auguraban, á vista da falta de recurso. Máis aínda tendo en conta que nesta confraría o 95% da actividade céntrase no marisqueo.

Á vista desta situación, na confraría estudan tomar medidas. Entre elas, contemplan aplicar de NOVO un ERTE sobre o seu cadro de persoal.

Porque di o patrón maior, nos 30 anos que leva ao mar non lembra un ano tan malo como este 2024. E, augura, este ano novo tamén se presenta moi complicado.

Unha situación que tamén afecta ao marisqueo a pé. Neste último ano houbo preto de 20 baixas en Vilanova, quedando agora con apenas 200 mariscadoras. Un dato que, polo que cre o patrón maior, seguirá á baixa nos vindeiros meses.