Abraldes deixa a porta aberta a repetir como candidato do BNG á alcaldía de Barro no 2027

BARRO> Xose Manuel Fernández Abraldes fai dez anos na alcaldía de Barro. O rexedor aproveitou este aniversario para facer balance da súa xestión á fronte do goberno local na última década. Di estar ‘satisfeito’ co logrado ata o momento, salientando todo o traballo feito para a inminente construción do novo centro de saúde e a nova depuradora. O nacionalista avanza que superados eses proxectos, no horizonte ata 2030 fixan o redeseño da rede de saneamento cara a futura EDAR e a creación dunha Casa do Maior en San Antoniño.

Dende o ano 2015, Xose Manuel Fernández Abraldes está á fronte do goberno local de Barro. O alcalde aproveitou hoxe este décimo aniversario para facer balance do traballo feito. Sacando peito da solvencia económica e das melloras conseguidas, amósase ‘satisfeito’.

O rexedor salienta que Barro posiciónase como un dos poucos concellos do país que medra en poboación e que atrae xente nova.

Di que iso débese ás políticas de dinamización social e cultural e tamén á que no municipio nestes anos a veciñanza avanzou en calidade de vida, contando con máis servizos e mellores prestacións. Nese sentido, destaca melloras no saneamento ou nos accesos aos núcleos. Pero da xestión feita ata o de agora, o nacionalista queda con dous proxectos nos que levan anos traballando: o novo centro de saúde e a nova depuradora.

Sobre a depuradora, Abraldes salienta as xestións feitas dende o concello, poñendo en bandexa un proxecto á Xunta que en breve tamén comezará a executarse. De cara ao futuro, no horizonte do 2023, o alcalde fixa como obxectivo o redeseño das redes de saneamento para que conflúan na nova depuradora e tamén a creación dunha Casa do Maior en San Antoniño no espazo que deixe libre o vello ambulatorio.

No estritamente político, deixa a porta aberta a volver repetir no 2027 como cabeza de cartel do BNG.

E asegura que a relación cos seus socios de goberno é boa porque, di, tanto PSOE como BNG aportan o seu talento e o seu traballo nas súas áreas, sendo proxectos complementarios que, asegura, está demostrado que funcionan.