A POBRA> O PP levará ó Senado os problemas de vertidos da Ribeiriña. O senador Manuel Ruíz presentará unha iniciativa a través da cal lle solicita ó Ministerio de Transición Ecolóxica unha solución definitiva a este problema, derivada, segundo el, dunha mala execución das obras de rexeneración levadas a cabo na zona. Ruíz tamén pide que se leve a cabo un estudo que permita coñecer o estado actual do chan e se proceda á retirada dos depósitos de hidrocarburos.
O PP levará tamén ó Senado, a través dunha iniciativa do senador Manuel Ruíz, os problemas de contaminación que afectan dende hai varias semanas á zona da Ribeiriña, na Pobra. Ruíz sinala que o problema vén derivado da mala execución das obras de rexeneración do litoral levadas a cabo na zona pola Demarcación de Costas, financiadas con fondos do Plan de Recuperación por un importe próximo ós 800 mil euros.
Segundo recolle o propio senador popular, un informe emitido por Costas no ano 2022 recoñece que na súa execución observáronse filtracións de color negro na base do muro da parcela e tamén se atoparon dous depósitos enterrados con hidrocarburos no seu interior que presentaban moi mal estado de conservación. egundo el, a pesar de que se tomaron medidas, estas, ó seu parecer, foron insuficientes, xa que en ningún momento se optou pola retirada deses depósitos, o que desencadeou posteriormente os vertidos á Ría. Para Manuel Ruíz é indispensable que se tomen medidas canto antes que solucionen de xeito definitivo este problema, instando ó Ministerio de Transición Ecolóxica a facelo.
Tamén lle solicita que se leve a cabo un estudo que permita coñecer o estado actual do chan e se proceda á retirada dos depósitos de hidrocarburos, para evitar a dispersión do vertido pola Ría.










