VILAGARCÍA> O Intecmar traballa na súa transformación en axencia pública autonómica. O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, con base en Vilaxoán, calcula que o cambio administrativo podería estar completado a finais deste ano. Esta mañá visitou ese centro o conselleiro do Mar, logo de acompañar aos técnicos a unha recollida de mostraxes na ría de Arousa.
O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia afronta o 2025 cun gran reto: a súa transformación en axencia pública autonómica.
Segundo a directora do Intecmar, este cambio podería estar completado a finais deste ano ou xa ao longo de 2026. Covadonga Salgado tamén marca como unha prioridade un mellor aproveitamento das instalacións.
Declaracións da responsable do centro logo da visita do Conselleiro do Mar desta mañá. Alfonso Villares asistiu nun bateeiro á recollida de mostraxes na ría de Arousa. Despois percorreu as instalacións onde, logo, se fan as distintas análises e controis.
A visita ao Intecmar tivo lugar antes de que este mediodía o conselleiro se reunise con patróns maiores da ría de Arousa pola situación que atravesa o sector marisqueiro. Un encontro que tivo lugar a petición dos responsables dos pósitos que reclaman á Xunta que actúe con urxencia logo de cifrar en 47 millóns de euros as perdas do sector dende o ano 2021.











