BARBANZA> A rexeneración de zonas pouco produtivas, os arados ou as sementeiras son algunhas das accións que se levarán a cabo co fin de mellorar a produtividade dos bancos do libre marisqueiro en Arousa despois de anos de escasa produción.
Do que alí se falou nada novo, segundo o patrón maior de Rianxo, Miguel Ángel Iglesias, que agarda que dunha vez por todas se tomen cartas no asunto para evitar a morte do sector.
Na xuntanza tamén se acordou manter aberta a actual campaña ata abril. Unha vez pechados os bancos iniciaranse os traballos de rexeneración no Bohído, Cabío e os Lombos.
Nos Lombos os traballos a realizar estarán tamén supeditados as mostraxes que realicen os técnicos de Mar.
O titular de Mar aproveitou o encontro cos pósitos para informarlles tamén dos proxectos de investigación que a Consellería está a levar a cabo en colaboración con diferentes centros especializados e coas universidades galegas co fin de estudar con profundidade os factores que afectan á produtividade na Ría.
Tamén puxo a disposición das confrarías os recursos dispoñibles en Mar para a análise e o deseño de accións que reforcen a actividade marisqueira na zona.











