A coral Xuntanza levará o nome de Meis ata Lanzarote cun concerto este sábado

MEIS> A coral Xuntanza de Meis vai actuar en Lanzarote. Coincidindo co seu trinta aniversario, a formación ofrecerá unha actuación este vindeiro sábado en Puerto del Carmen grazas a un intercambio cultural cunha agrupación musical canaria que proximamente virá actuar a Meis. Para a ocasión, a coral Xuntanza está a preparar un completo repertorio con temas galegos e mesmo unha adaptación dunha popular canción canaria.

Os membros da Coral Xuntanza de Meis andan estes días preparando as maletas. O sábado actúan en Puerto del Carmen, na Illa de Lanzarote.

Este concerto é posible grazas a un intercambio cultural cunha formación musical canaria que, despois, virá actuar a Meis.

Para a ocasión, a agrupación meisina está a preparar unha completa escolma musical, ata cunha chiscadela ás illas Canarias.

Esta é a primeira vez que actúan en Canarias, pero ao longo da súa traxectoria xa teñen ofrecido concertos noutros puntos de España e Portugal e mesmo foron á Arxentina. Esta mañá a alcaldesa salientaba que Xuntanza está a levar o nome de Meis por todo o mundo.

Este concerto é moi especial para a formación, porque neste ano conmemoran o seu 30 aniversario. Hoxe xa adiantaron que están a preparar un acto coa banda da Vertula que, neste 2025, celebra os seus 50 anos de vida.

Para esa actuación aínda non hai data, pero na coral avanzan outra que xa teñen na súa axenda. Será o vindeiro 31 de maio, en Meis, cando Xuntanza será a anfitrioa dun encontro musical no que participarán varias corais.