Clientes despistados e vendedores descontentos: os ambulantes volven á praza do Castro de Vilagarcía

VILAGARCÍA> Martes, un de abril. Primeira xornada cos postos do mercado ambulante de Vilagarcía de novo na praza do Castro. Os vendedores volveron a esta antiga localización trala súa retirada da rúa Arcebispo Lago. Hoxe, moitos ambulantes lamentaban ter que deixar esa rúa peonil e volver ao Castro. Aseguran sentirse illados do resto do mercado. Quéixanse tamén de que este cambio de zona pillou a moitos clientes por sorpresa, polo que critican ao goberno local por non terlle dado máis publicidade.

Algúns dos clientes habituais do mercado ambulante de Vilagarcía recoñecían estar hoxe un pouco perdidos co regreso da actividade á praza do Castro. Hoxe é o primeiro nesta histórica localización, logo de ter que abandonar a rúa Arcebispo Lago. Os vendedores recoñecen que preferían manterse onde estaban.

Porque, explican os vendedores, agora a súa clientela xa estaba afeita a velos por Arcebispo Lago. Algúns aseguran estar indignados co concello.

Pídenlle ao concello máis publicidade para que a xente saiba que volven estar no Castro.

Porque hoxe a clientela estaba un pouco despistada. Moitos recoñecen que non contaban con atopar o mercado nesta praza, aínda que velo de novo aquí tampouco lles disgusta.

Pero empatizan cos vendedores, con tanto ir e vir.

Os vendedores agardan que a afluencia de público e as vendas vaian mellor este sábado, cando a praza do Castro volverá acoller de novo a súa actividade, polo de agora, de forma indefinida.