RIANXO> Rianxo será escenario este sábado dunha emotiva homenaxe ás madriñas republicanas. A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza e a Deputación da Coruña promoven este acto que busca poñer en valor o labor altruísta e solidario destas mulleres apoiando ós presos dos campos de concentración.
Levarlles comida, roupa, facer de correos coas familias ou brindarlles apoio emocional ós presos. Estas son só algunhas das labores que realizaban as madriñas republicanas, mulleres que vivían preto dos campos de concentración, movidas pola solidariedade e o altruísmo.
Para dignificar o seu papel, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza e a Deputación da Coruña celebrarán este sábado unha homenaxe en Rianxo.
Dará comezo ás 11 da mañá no campo de concentración de Rianxo coa inauguración dunha escultura elaborada por Ricardo Dávila e varias intervencións, entre elas a dunha das madriñas, Dolores Rodríguez Sende. Máis coñecida como Lola A Carretera, ós seus 97 anos, conserva con lucidez a memoria daqueles tempos escuros. A xornada rematará cu relatorio e posterior mesa redonda no auditorio sobre papel das mulleres durante a guerra civil e a ditadura.
Dende a Deputación da Coruña destacaron a importancia de promover estes actos na honra daqueles que foron perseguidos durante máis de 40 anos por defender os dereitos dos que na actualidade gozamos.










