NOIA> Noia vivirá a súa Semana Santa cun amplo programa de actividades relixiosas. A principal novidade deste ano será a estrea dun paso infantil. Unha decena de nenos da confraría do Nazareno sairán o Xoves Santo na procesión das Carracas.
Como cada ano, Noia será un dos concellos da comarca con máis actividades relixiosas durante a Semana Santa. Un total de 8 procesións, organizadas polas 4 confrarías do municipio, compoñen o programa que arrancará o venres 11 de abril coa procesión das Dores. Seguiranlle a bendición de Ramos e a procesión do Ecce Homo o domingo 13 no que se desenvolverá tamén o pregón a cargo de Julián Barrio.
O mércores santo terá lugar o vía crucis e procesión do Cristo da Misericordia mentres que o Xoves Santo terá lugar a celebración da Cea do Señor e a procesión das Carracas. Aquí terá lugar a principal novidade desta edición coa estrea do paso do Neno Xesús de Paixón, integrado por unha decena de cativos de 4 a 10 anos.
O venres santo concentrará gran cantidade de actos dende ben cedo. Pola mañá terá lugar o santo Encontro no Curro e posterior procesión mentres que pola tarde celebrase a paixón co Desencravo e a Procesión do Santo Enterro e a Soidade. O sábado santo a partir das dez celebrarase a Vixilia Pascual e o Dominfo a procesión do Resucitado e Misa de Pascua. No acto de presentación das actividades, fíxose entrega do premio ó gañador do concurso fotográfico para ilustrar o cartel deste ano: Claudio Álvarez Ayuso. A súa filla foi a encargada de recoller o premio.