O sector turístico do Salnés, cun ollo posto no ceo nesta ponte da Semana Santa

SANXENXO> Semana Santa pasada por auga nas Rías Baixas. O sector turístico mira con preocupación o ceo ante as posibles cancelacións. En Sanxenxo agardaban superar unha ocupación 70%, algo pouco probable tendo en conta que na Semana Santa as reservas de última hora son fundamentais. Neste concello, 7 de cada 10 establecementos aproveitan esta ponte para arrancar a temporada.

Hoxe máis ca nunca O Salnés está moi pendente do ceo. As malas previsións meteorolóxicas auguran unha campaña turística de Semana Santa peor do que se agardaba. En Sanxenxo botan en falta as típicas reservas de última hora, claves nesta ponte.

En Sanxenxo manexan unha previsión de ocupación de ata o 70%, á espera das posibles cancelacións daqueles que prefiren non vir polo mal tempo.

A Semana Santa supón para a maioría dos establecementos de Sanxenxo o arranque da tempada. Sete de cada 10 abren a partir desta ponte.

E chova ou faga sol, lembran dende CETS, a comarca ofrece un amplo abano de opcións lúdicas e culturais coas que vivir unha experiencia única, aínda que sexa acompañados dun paraugas.