Festas de San Gregorio ao grande na parroquia meisina de Paradela

PARADELA> Paradela, no concello de Meis, ten todo a punto para as festas de San Gregorio. Os festexos arrancan este xoves. O domingo é o día grande, coa degustación do Bolo de Pascua. Unha elaboración duns once metros cadrados adornada cuns 6.000 ovos enriba. O programa complétase con actos relixiosos, distintas propostas gastronómicas e verbenas. 

As festas de San Gregorio de Paradela, en Meis, continúan ao grande. A organización mantén a decisión tomada o ano pasado de organizar actos durante catro días. Así, a programación botará a andar este xoves e prolongarase ata o domingo. Hoxe presentaron as festas no concello.

O sábado ás 18:15 horas haberá un espectáculo infantil e a continuación unha exhibición de zumba da asociación de mulleres rurais Os Pazos de Paradela. Xa ás 9 haberá misa para, a continuación, darlle paso á verbena coas orquestras Miramar e Asia. O domingo, día grande do San Gregorio, a programación arrancan a media mañá.

O gran Bolo de Pascua volve ser un dos grandes reclamos do San Gregorio. O ano pasado acadou os 11 metros cadrados e foi decorado con 6.000 ovos. A organización xa está traballando na súa recolección porta a porta.

A primeira comisión de festas do San Gregorio naceu en 1992, cun parón de dous anos pola pandemia que, polo tanto, os leva este ano a celebrar os seus 31 anos de actividade.