Os empresarios de Ribeira lamentan a demora na tramitación do futuro polígono

RIBEIRA> A falla de avance na tramitación do futuro polígono de Ribeira vén de abrir un cisma entre a asociación de empresarios e o goberno local. Dende a patronal critican a demora no proxecto por  por non ter avanzado na compra das dúas parcelas que faltan para executar o futuro vial de acceso ó parque empresarial.

O pasado martes os empresarios de Ribeira mantiñan unha xuntanza para informar sobre o estado de tramitación do futuro polígono. A pesar de que estaban convocados non asistiu ningún membro do executivo local posto que o apagón rexistrado o luns obrigou a adiar a convocatoria do pleno ata o martes ás oito, coincidindo coa reunión dos empresarios fixada xa había máis dunha semana.

Esta ausencia foi a gota que colmou a paciencia da patronal que acusa ó goberno de demorar o proxecto por non ter avanzado no proceso das dúas parcelas da Pobra que faltan para contar con tódolos terreos.

Pola súa banda, dende o goberno local defenderon o seu compromiso con este proxecto lembrando os trámites realizados dende a súa chegada ó concello como a tramitación dos informes sectoriais, o rexistro das parcelas, a aprobación definitiva do proxecto de urbanización ou o estudo da prospección arquelóxica.