SANXENXO> Sanxenxo reforzará a súa seguridade para facerlle fronte á campaña de verán. Esta mañá o alcalde e o subdelegado do goberno en Pontevedra presidiron a Xunta Local de Seguridade. Avanzaron que a Garda Civil vai reforzar a súa presenza na vila nos meses estivais, ao tempo que reforzará a súa coordinación coa Policía Local. Un dispositivo habitual, indicaron esta mañá, para un dos principais destinos turísticos de Galicia.
Como é habitual ás portas do verán, Sanxenxo prepárase para facerlle fronte ao desafío que supón o desembarco de milleiros de turistas e visitantes. Esta mañá o alcalde e o subdelegado do goberno en Pontevedra encabezaron a Xunta Local de Seguridade. Un encontro no que se afina o dispositivo a despregar na vila ao longo da campaña estival.
Esa colaboración vaise materializar tamén cun reforzo da presenza da Garda Civil, así como a mellora da súa coordinación coa Policía Local.
Ademais, ao longo do verán, agárdanse xornadas máis críticas dende o punto de vista da seguridade, coincidindo coa celebración de grandes eventos. Neses días, explican, a coordinación será total entre os corpos.
Pola súa banda, a Policía Local de Sanxenxo encara o verán co seu novo xefe e un cadro de persoal de 22 axentes. A eles hai que sumar nestes meses a incorporación de 34 auxiliares de reforzo.











