RIBEIRA> Nove redeiras de Aguiño recibiron unha emotiva homenaxe no Museo Municipal de Ribeira. O concello elixiu este colectivo para distinguilo co Gallo do Día Internacional das Mulleres do Mar.
O Museo Municipal de Ribeira quedou pequeno para acoller ós numerosos asistentes ó acto de homenaxe ás redeiras que organizou o concello polo Día das Mulleres do Mar. Un colectivo imprescindible pero case sempre invisible.
Unha a unha, nove redeiras de Aguiño foron recollendo un agasallo conmemorativo desta data na que o concello quixo poñer en valor o seu labor. Un día para o recoñecemento pero tamén para a reivindicación posto que non hai mellor homenaxe que dotalas dunhas instalacións dignas para exercer o seu traballo que precisa ademais dunha remuda xeracional.