VILAGARCÍA> Xornada de circulación intensa no centro de Vilagarcía polo reasfaltado na avenida de Xoan Carlos I, a que pasa por diante do Concello. Trátase dunha actuación moi necesaria, polo mal estado que presentaba o pavimento nesa zona. O treito forma parte da N-640A, unha estrada que presenta deficiencias tamén noutros puntos. O alcalde recoñece incomodidades no tráfico, pero salienta que os traballos se executaron en apenas dous días.
Se vostedes circulan a diario polo treito urbano da N-640-A ou o que é mesmo, a Avenida Xoán Carlos I de Vilagarcía, notarían hai tempo o pésimo estado do seu pavimento. Un problema que pasa estes días á historia co reasfaltado total da vía. Unha reivindicación de veciños e condutores que o concello trasladou ao goberno central, a quen pertence a estrada.
Os traballos supoñen un investimento duns 75.000 euros. O alcalde da cidade celebra que o executivo central atendese as demandas da cidade.
Estes traballos, en pleno centro da cidade, xerou tanto hoxe como onte circulación intensa en Vilagarcía. Con todo, o alcalde salienta que son uns traballos que se fixeron en apenas dous días.
A N-640 é unha das principais estradas da provincia de Pontevedra, unindo Vilagarcía coa provincia de Lugo. No seu percorrido aínda quedan moitos tramos pendentes de mellora, aínda que dende a subdelegación do goberno prefiren ver o vaso medio cheo, salientando aqueles nos que xa se foron resolvendo deficiencias nos últimos anos.











