VILAGARCIA> No instituto Castro Alobre de Vilagarcía organizaron hoxe unha saída do armario conxunta. A iniciativa busca visibilizar o colectivo LGTBIQ+, fomentando a tolerancia e o respecto entre o alumnado. Está impulsada polo Grupo de Diversidades afectivo sexuais do centro.
No Instituto Castro Alobre de Vilagarcía hoxe volveron saír do armario. Trátase dun acto reivindicativo que o Equipo de Diversidades Afectivo-Sexuais do centro leva organizando dende hai sete anos. Un pequeno xesto para visibilizar o colectivo LGTBIQ+.
O acto incluíu unha saída colectiva do armario, ante o que foron posando o alumnado e profesorado. Houbo tempo tamén para a lectura dun manifesto no que reivindicaron respecto e tolerancia.
A través desta iniciativa conseguen ademais mirar de fronte a aqueles que aínda a día de hoxe manteñen actitudes lgtbifóbicas no colexio. Porque aínda que os tempos están cambiando, as burlas e insultos continúan.
E explícannos que este ano están traballando xa este tema co alumnado de primeiro da ESO.
Este acto tivo lugar este venres, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Saída do Armario.










