A remuda xeracional e a regulación das rebaixas, entre as principais preocupacións do comercio vilagarcián

VILAGARCÍA> Como diciamos, a remuda xeracional é unha das cuestións que máis preocupa aos asociados de Zona Aberta. Pero non a única. As representantes da asociación aproveitaron a reunión co director xeral de Comercio para poñer sobre a mesa outras reclamacións: a regulación do período de rebaixas ou a ampliación do bono comercio.

Cada vez son máis os pequenos comercios que van pechando a persiana pola xubilación dos seus propietarios. Unha fotografía que dende Zona Aberta queren cambiar. E para isto buscan a complicidade da Xunta de Galicia.

Pero non só na remuda xeracional do sector. Dende o comercio vilagarcián piden tamén máis apoio das administracións aos autónomos. Non só no momento no que deciden emprender.

Outra das cuestións que Zona Aberta cre que se debe abordar é a regulación dos períodos de rebaixas. Dende a asociación de comerciantes vilagarciáns apostan por volver a normativas anteriores, onde os tempos estaban delimitados.

En canto a campañas de dinamización como o Bono Comercio impulsado pola Xunta, os comerciantes ven posibilidades de mellora. Unha das reclamacións pasa por ampliar a participación aos establecementos de alimentación.

Estes temas tamén se abordaron no encontro que mantivo hoxe o director xeral de Comercio da Xunta coas representantes de Zona Aberta. Cuestións todas elas que preocupan a un sector clave no tecido económico dos concellos.